Recuperación da ribeira do río Ulla: un Souto que volve á vida
O Souto de Cortiñas, situado na marxe esquerda do río Ulla —un río incluído na Rede Natura 2000— ao seu paso pola parroquia de Herbón (Padrón)
, foi historicamente un espazo natural de enorme valor ecolóxico, cultural e paisaxístico. Este lugar está intimamente ligado á historia da comarca, ás pesqueiras tradicionais da lamprea e aos camiños que percorren moitos peregrinos do Camiño Portugués.
Nos últimos anos, porén, este entorno sufriu un importante deterioro ambiental, provocado principalmente pola expansión de especies exóticas invasoras, a acumulación de residuos e os vertidos de augas residuais. Estes impactos poñen en risco a biodiversidade do río Ulla e a conservación dos seus bosques de ribeira.
Dende a Asociación Naturalista Hispella cremos firmemente que este pequeno recuncho bañado polo Ulla, xa preto da súa desembocadura, merece unha nova oportunidade. Queremos que volva ser un souto vivo, diverso e orgullosamente autóctono resiliente ante o cambio climático. Por iso, con moita ilusión, elaboramos un proxecto que ten como obxectivo a recuperación ambiental integral do Souto de Cortiñas, devolvéndolle ao río a súa vexetación natural e mellorando a calidade ecolóxica e paisaxística do entorno.
As actuacións inclúen a eliminación de especies invasoras, a plantación de árbores e arbustos propios dos bosques de ribeira galegos —carballos, castiñeiros, freixos, bidueiros ou abeleiras— e a retirada de residuos, paso a paso, coa axuda da comunidade.
O proxecto aposta tamén por un uso público respectuoso, mellorando o sendeiro fluvial existente e creando pequenos espazos para o descanso, a observación da natureza e a interpretación ambiental, sempre mantendo o carácter natural e tranquilo do lugar.
Esta iniciativa complétase cun programa continuo de educación ambiental e ciencia cidadá, no que participan veciños, voluntariado e visitantes. O seguimento da fauna e da flora, xunto coa sensibilización sobre a importancia de conservar os ecosistemas fluviais, serán claves para garantir o éxito do proxecto a longo prazo.
A recuperación do Souto baséase na custodia do territorio, un modelo de colaboración entre cidadanía, propietarios e administracións públicas para coidar e xestionar este espazo natural de forma sostible, pensando nas xeracións presentes e futuras.
Estamos seguros de que contamos co teu apoio para facer deste proxecto un auténtico éxito 💚
Moi pronto publicaremos un calendario de actuacións e xornadas de voluntariado, con actividades abertas a todas as persoas que queiran participar.
Sumarte ao voluntariado non só significa formar parte activa da recuperación dun espazo natural, senón tamén compartir bos momentos: aprendizaxe no campo, convivencia, picoteos ao rematar as xornadas e sorteos especiais entre as persoas participantes a través do noso Instagram.
Porque conservar a natureza tamén é gozala, aprendela e facela en comunidade 🌿
👉 Anímate a formar parte da recuperación do Souto!

















